A ASOCIACIÓN | SERVIZOS | BOLETÍN | LIGAZÓNS | INSCRICIÓN | GALERÍA | CONTACTO | ONDE ESTAMOS?
········································································································································································

A Asociación
·········································································································

O 16 de abril de 1994, trece gandeiros decidiron agruparse para constituír a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), co principal obxectivo da defensa dos intereses deste sector. Nace así a que sería a primeira e única Asociación que agrupa a produtores de ovino e caprino, tanto de carne como de leite, de toda Galiza, o primeiro paso cara unha futura organización que hoxe en día é todo un referente sectorial.

O camiño non foi doado e sería no ano 1999 cando se contrata ó primeiro Enxeñeiro Técnico, empezando así a organización de actividades e a prestación de servizos.

Ponse en marcha a prestación do Servizo Veterinario de OVICA, e conséguense crear dúas Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira: Saniovicarnoia e Sanioviconso, logrando importantes melloras na sanidade dos rabaños galegos.

Tamén se comeza a organizar as campañas da rapa coa contratación, a partir do ano 2002, de tosquiadores de Polonia que, ano tras ano, ata o día de hoxe, veñen tosquiando as maior parte dos rabaños dos socios.

Pouco a pouco OVICA vaise consolidando como asociación, incrementando o numero de socios, ampliando o equipo de técnicos e veterinarios. E fíxanse novos obxectivos, entre eles continuar mellorado na sanidade e lograr unha comercialización común e directa da produción.

Así, o 30 de abril de 2003 nace a cooperativa COVIGA Soc. Coop. Galega, promovida por 35 produtores membros da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia. Os obxectivos que se fixaron foron:

 

- Garantir a saída da produción ao mercado, acadando uns prezos estables e xustos para o productor.

- Promocionar as producións do sector de ovino e caprino como produtos de calidade, facendo unha diferenciación do produto galego en base a unha marca de calidade.


Esta cooperativa estivo en funcionamento ata primeiros de 2011.

Despois de moitos anos de loita por acadar un servizo veterinario unificado i eficaz, unha estructura que nos permita afianzar e mellorar a sanidade, conséguese no ano 2006 a creación da ADSG ACIVO, unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira de Ovino e Caprino a nivel galego e un dos maiores logros sectoriais. ADSG ACIVO ten como obxetivo a continua mellora da sanidade nos nosos rebaños mediante o desenvolvemento do Programa Sanitario e diversos proxectos i estudios sobre enfermidades, como poden ser a Paratuberculose ou o Maedi Visna.

Na actualidade, a ADSG ACIVO conta cun equipo de veterinario/as que desenvolven o Programa Sanitario nas explotacións asociadas repartidas por toda a xeografía galega, a maior parte delas tamén asociadas a OVICA.

Levamos un longo camiño andado, mais queda moito por facer e OVICA debe continuar traballando en prol da profesionalizacion, coñecemento e impulso do sector ovino e caprino galego. Procurando unha produción rendible, sostible e baseada no aproveitamento dos recursos naturais, beneficiosa para o medio ambiente e o mantemento do medio rural.

OVICA é un axente dinamizador, asociación impulsora da estruturación e desenvolvemento deste sector en Galiza a través de entidades asociativas que afianzan a sanidade, a comercialización e o apoio técnico no sector. Hoxe en día OVICA conta cunha estructura consolidada, con dúas oficias, unha nova en Lugo, nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e outra en Allariz. Dispón dun equipo de enxeñeiros responsables do funcionamento da asociación, coordinando e organizando os diferentes servizos, proxectos e actividades de OVICA, destacando:

 

-Asesoramento técnico especializado en ovino e caprino, tanto en carne como en leite.

-Servizos de Aconsellamento e Xestión.

-Organización de actividades formativas, cursos e Xornadas Técnicas.

-Representación do sector perante a Administración e defensa dos intereses dos asociados.

Hoxe están asociadas a OVICA un gran número de explotacións de ovino e caprino de toda Galiza, con mais de 45.000 cabezas reproductoras, que representan arredor do 20% do total do censo de ovino e caprino galego, e mais da metade de todas as explotacións galegas con mais de 100 animais, cifras que dan boa conta da representatividade da Asociación neste sector.

OVICA e ACIVO son entidades que forman parte dun proxecto en común que loita por protexer e impulsar o sector ovino e caprino galego, contribuíndo que sexa un elemento dinamizador do territorio e actúe como intermediario e colaborador no desenvolvemento económico e social.

 

OVICA | Pazo de Feiras e Congresos | Avenida Fábrica da Luz s/n | Lugo | Galicia | E·27004 | tel 982 245 142 | NOTA LEGAL